Maternar foi un revulsivo moi positivo para min
Poderíame presentar de moitos xeitos, porque as persoas somos poliédricas, eclécticas e con moitas capas. Aquí tes a parte de min que máis incidiu na creación deste proxecto, sendo como son consciente que de todas as vivencias aprendo, e que todas marcaron en maior ou menor medida un pasiño máis ata chegar aquí.
Quen son eu
Chámome Clara e son nai dende o ano 2016. Antes dese ano vivira en diferentes países e estivera con diferentes traballos, a maioría relacionados co ensino de linguas estranxeiras. Antes e durante o embarazo mesmo, traballaba en Galicia, no ámbito da educación. Gustábame, e segue a gustarme, agora coa perspectiva engadida de nai. E se queres coñecer un pouco Oxitocina, xa verás o importante que segue a ser para min a educación. Son consciente do que entre todas e todos podemos facer!
E xa co embarazo, pero sobre todo despois, chegou alguén máis a maiores da miña filla: a miña parte nai, que non se entende sen a Clara, e á vez é inseparable o eu-Clara do eu-nai. Nai feminista e lactivista, de corazón e de acción.
Maternar
Maternar foi un revulsivo moi positivo para min, si. Por todo o bo e o menos bo que me pasou e que me pasa, que me fixo e fai aprender e reaprender constantemente. No medio desta revolución interior, quitei tempo de debaixo das pedras e formeime como asesora de lactancia, e fixen tamén unha exhaustiva formación como acompañante materno-infantil. E continúo formándome, a diario, nos dous ámbitos.
En paralelo a estas formacións, creaba e moldeaba este proxecto, que aglutina as miñas grandes paixóns: a crianza e educación (non as concibo por separado), as linguas e mais os contos. Porque se algo son, é unha contista, en todos os sentidos que poidas imaxinar: escribo, leo, conto, fago teatro, imaxino, creo… dende que teño memoria, se cadra mesmo de antes, e sempre que podo!